xoves, 31 de maio de 2012

Sacardebois, o berce da Ribeira Sacra

Cara arriba, a Casa de Viana (cliquea na casa para ler o artigo de Antonio Carreño, na Región) con séculos de historia, que fora patrimonio do mosteiro de Montederramo, aforada por catro galiñas ao Priorado de San Adrián a pagar por cada San Martiño; no medio, a parroquia de Sacardebois, etimoloxía que se perde nos tempos dos celtas; no alto, a carballeira de Maraván e mais a mesta fraga do Covelo: garduñas, raposos, cobras, lagartos, xabarís, gabiáns, xílgaros, merlos, bubelas, carrizos, esquíos e mais o cuco dando as horas no mes de maio; nos rueiros e camiños vellos, no solpor, as meigas en procesión de santa compaña; nos picoutos, as lendas dos mouros e mais o cemiterio de San Vitor con medio centenar de tumbas escavadas nas rochas dos tempos do Medievo; cara abaixo, fontes de augas santas, cheas de maxia e de encanto, vellos muíños hidráulicos parados no tempo, fervenzas cantareiras, pasarela de madeira á beira do Mao; ao pé das casas, hai dúas vellas caladas sentadas nos faladoiros, terreos con chichos, leitugas e tomates, hortas con cereixas, peladillos e pavías e mais un can ladrando, nenos xa non se dan por estes lares; nos regatos, corgas e mais un pequeno lameiro onde pasa as horas un burro canso; embaixo, espalladas entre as viñas colgadas en fileiras de pataos, a aldea de Calvos e mais Leiravella, marcadas cada unha co seu ciprés de afiada agulla gótica; bicando o río, a Barxa e mais o Porto; asolagadas polas augas invasoras do encoro de Santo Estevo, as aldeas de San Fiz, Meixide e mais a aldea de A Ponte de Barxacova; no medio da barriga do Sil, o catamarán asucando as augas quedas cara ao Canón onde se acocha o mosteiro de Santa Cristina; noutra banda, xa en terras de Lemos, o santuario de Cadeiras, Amandi e mais Doade... Parada de Sil, unha terra con lentura, o berce da Ribeira Sacra.

venres, 18 de maio de 2012

O fiadeiro de Parada de Sil


          Biblioteca do Concello de Parada de Sil

Día das letras galegas: poesía popular nas noites dos fiadeiros.
       Artigo de Mari Carmen Alvarez Paredes, Torbeo.                                                                       

               Eu xunguín os meus boíños
               e leveinos á arada
               e no medio do camiño
               olvidóuseme a aguillada,

                eu volver, volvín por ela
                pero de moi mala gana.
                Meu cabaliño, cabalo,
                meu cabaliño redondo,

                que te me dera no cima
                como te teño no fondo.
                Meu cabaliño, cabalo,
                é moi malo de entender:

                que lle vou levar a herba
                e no ma quere comer.
                Eu cantar, cantaba ben,
                pero gracia tiña pouca,

                quedoume no lavadoiro
                onde fun lava-la roupa...

Para máis información, cliquea no blog de Torbeo.

mércores, 2 de maio de 2012

Os esquecementos

 
                                Castiñeiro senlleiro de Emtrambosríos

Aquí, na miña terra, tiran ó lixo a memoria dos antepasados: antigos documentos de conciliacións entre os meus paisanos firmados por quen fora xuíz de paz do concello, don Isidro Prieto de Viana, atopados hai uns anos por un profesor xubilado, mentres camiñaba as súas soidades o día San Martiño en compaña do seu amigo Troco, o can orfo do 'Tres'.

     Papeis que observara o mestre hispanista bailando ó compás do vento, caprichoso el nunha calva do monte, preto do colmeal de paredes de lousas que hai por baixo de Sardela, e disque puidera agarrar unha puñada de follas soltas brincando á carreira coma un cabrito á procura de cazar algún, tras permanecer quieto á espera dun intre de calma do Nordés.

     O primeiro referíase ós dereitos das vertentes das augas dun lameiro ladeiro na aldea de Forcas; outro, dos litixios herdados da familia pola servidume de paso dos carros de herba na colleita do verán pola propiedade que lle facía marcaxe no regato de Senra, lugar coñecido por Caborriba, preto da aldea de Miranda; estoutro, por causa do baile, no luar da noite, dos marcos de pedra lindeiros que dividían unha leira grande de centeo de catro ferrados de sementeira que fora dos pais en dúas leiras pequenas a repartir entre as dúas fillas as cales, atendendo o testemuño escrito, seica non se podían ver nin sequera nas fotos da primeira comunón, dende aquel día que lles tocara facer as contas de dividir: que se unha de vinte, se levaba catro; a outra de trinta, quería levarse dez, e as contas non saían craras na proba do nove. A última folla falaba da achega a un acordo entre dúas partes polos cartos que deberían estiñar unhas navalladas traizoeiras recibidas por un ribeirao nunha nádega, estando de troula na verbena de Triguás, por causa de facerlle as beiras a unha moza, guapa de cara e lucida de peitos, comprometida dende a escola co fillo vinculeiro dunha casa de moita fachenda de Cadeliña que seica perdera a cabeza nu arrouto de ciúme e que, como resultas, fora preso pola garda civil.

     Papeis vellos, con memoria, tirados ó lixo coa ocasión da mudanza ó novo edificio do Concello que se acabara de erguer á beira da capela de San Ramón, que recollen o devir diario dos veciños, que son os feitos da intrahistoria dunha cultura rural que foi e que xa non é.

      Isto, de certo, non pasaría en América, diría don Antonio Carreño. Melloraron as estradas, iso si, o teléfono, a traída da auga, apareceron as casas rurais, os restaurantes e mailos os furanchos nas adegas, o catamarán asucando o río Sil, que non é pouco, porén seguimos sendo uns pailáns de corredoira, más curtos de miras cás toupeiras dos eidos.

      Bótase en falta unha cultura integradora que valore o que é de noso: non só o mosteiro de Santa Cristina e mais a necrópole de San Vitor, tamén as formas de vida de antano, os costumes, as lendas dos mouros, o valor engadido da natureza da nosa flora e fauna, os ríos, as fervenzas que baixan ruxindo nos regatos onde antano se acicalaban as meigas para os feitizos por onde pasaban acochados os camiños de ferradura cara ós muíños vellos e xa me gustaría a min ser outro Cunqueiro para escribir das bontades da nosa gastronomía tradicional que foron os fogóns repousados das nosas avoas.

     Unha terra encantada, a do noso concello, quizais lixeira, con certeza minifundista, pero abofé toda ela con lentura suficiente, non só para facer medrar as patacas na cortiña do Val, que tamén foi para alentar, tras moitos anos, o noso patrimonio inmaterial, que de tal niño tal paxariño, como diría o outro.

     Disque estes lares á beira do Sil teñen un non sei que, quizais, un tesouro acochado dende os rituais dos druídas que recende un sentir máxico de arte e de poesía; unha terra con alma en forma de aura coroada de vivencias pasadas de onde abrollan doados contos e xorden misteriosas lendas maquinadas, unhas veces, polas meigas e mais outras polos mouros que moraron, dende os tempos de María Castaña, nos picoutos de acá e de acolá desta Ribeira Sacra que tivo o seu berce nesta contorna.