venres, 22 de xaneiro de 2010

A caligrafía dun labrego de Parada do Sil














Tódolos días coa gancha ó lombo, coa aixada, en cadanseu ombro. Foron as plumas coas que estiven a escribir liñas nos eidos. Cincuenta anos trala gancha, repetindo a mesma xeira: quedando o seu mango gravado nas mans, encalladas.
Ó final, conseguín a caligrafía dun mestre, abrindo regos na terra, dereitos e aliñados, que daba gusto velos. Deberes que me deixou a escola dos meus pais: abri-los regos para a sementeira das patacas e do millo; outros máis pequenos para os nabos; arraxa-los arelos dos soutos, antes de pingaren as castañas; as caldeiras, na derrega dos lameiros; a cava, a renda e maila escaravella, nas viñas; cava-la horta para planta-las coias e mailas verzas de Chaves, no setembro; reguiños para as leitugas, tomates e pementos, no terreo do pozo. Arrinca-los cozos das uces, arromba-la terra cara arriba para face-las tuleiras nas searas dos montes ladeiros.
Traballei coma un arado, fozando nos terróns, onde agora medran os silveiros, mais, daquela, había que traballar e saber traballar.
A gancha formou parte dos meus brazos, agora de vello -condición do escravo- bótoa de menos.

martes, 12 de xaneiro de 2010

A partícula de Deus















O home, despois de percorrer longas e escuras eras de vida na terra, sobrevivindo mal como puido ó frío e depredadores chegou, por fin, a gozar a corpo de rei dunha polis con auga corrente nas ágoras e acudindo ó teatro á tardiña, cando o sol ía baixando as orellas: coa especialización do traballo, dispuxo de tempo de lecer para o desenrolo das artes e inventa-la democracia; e mesmo para escoita-lo seu interior, mentres ollaba deitado cara ó ceo nas noites claras do sur, noites de luar, curioso e marabillado polos debuxos das constelación que están a coroa-la bóveda do firmamento, fabulando como lle habería de levanta-las enaguas á lúa que lle estaba a chisca-lo ollo, engaiolado como Sabina no escenario cantando rimas e por segui-las rutas das estrelas fuxidías que o chamaban como sereas cativadoras, inducido a navega-la odisea do espazo nun carro de prata turrado por catro pegasos, berrando a cada pouco mentres estaba a recorrer camiños de luceiros: ai, hoooo…! hai Alguén por aí…? Mailas preguntas dos filósofos, amantes da Sabedoría, ousadas criaturas, non atoparon interlocutor por ningures: quixeron interrogar isto e aquilo, perturbando o equilibrio do espazo infinito, coma se guindaren unha pedra á quietude dun lago que, de cotío, protesta sacudíndose nunha serie de ondas, espalladas en círculos concéntricos sucesivos, devolvendo a pregunta indiscreta ó emisor, á orela, por mor de quedaren as augas de novo sosegadas. Entón, xurdiron as teorías filosóficas, na procura da orixe ou principio da materia: que si o fogo, que si a auga, o ar, o átomo; daquela, outros sabios, máis prudentes non deron creto a ningunha delas: “canto máis sei, máis ignoro; só sei que non sei nada” –dicían os agnósticos. Foron os poetas helenos, como Homero –non hai pobo sen poetas– os que souberon glosa-los mitos para dar saída ás inquietudes do ser humano; respostas que, malia de naceren cun selo máxico, cubrían por entón as necesidades pobo heleno. Século tras século, na procura dunha explicación total e definitiva da orixe do Universo. Nestes tempos tan avanzados da ciencia, coas tecnoloxías do século XXI, co Gran Colisionador de Hadróns (LHC), antes o CERN de Genéve, coas mellores cabezas das universidades do mundo mundial, financiadas polos países máis ricos do planeta, buscan entre todos a partícula másica, coñecida como bosón de Higgs: enlaces perdidos, ata hoxe partículas escuras, que forman o burato negro que haberían de completa-lo modelo estándar da física, ás veces, chamada a partícula de Deus, simulando co choque de partículas do acelerador de 27 quilómetros de diámetro, eventos ocorridos durante o Big Bang, teoría que intenta dar unha explicación da orixe e expansión do Universo. De maneira que, o Principio de todo tanto se pode albiscar no ceo co telescopio espacial Hubble, como esculcando na terra, o espazo entre os átomos co microscopio Titán Cubed, dado que as pegadas do Creador do Universo, de habelo, están no máis grande e tamén no máis pequeno. Namentres seguimos nesta procura, sen acougo no espírito, unha pancarta segue colgada das puntas das estrelas: Demiurgo, faite ver! 


LA PARTÍCULA DE DIOS 
El hombre, después de recorrer largas y oscuras eras de vida en la tierra, sobreviviendo, mal como pudo, al frío y depredadores llegó por fin a disfrutar, a cuerpo de rey, de una ‘polis’ con agua corriente en las ‘ágoras’ y acudiendo al teatro al atardecer, cuando el sol iba bajando las orejas: con la especialización del trabajo, dispuso de tiempo de ocio para el desarrollo de las artes e inventar la democracia; e incluso para escuchar su interior, mientras observaba acostado mirando el cielo en las noches claras del sur, noches de luna llena, curioso y maravillado por los dibujos de las constelaciones que están a coronar la bóveda del firmamento, fabulando como le habrían de levantar las faldas a la luna que los estaba mirando con picardía. Entusiasmado como Sabina en el escenario cantando rimas, siguiendo las rutas de las estrellas fugaces que lo llamaban como sirenas cautivadoras, inducido a navegar la odisea del espacio en un carro de plata tirado por cuatro pegasos, gritando de vez en cuando, mientras estaba a recorrer caminos de luceros:¿Hay alguien por ahí? Pero las preguntas de los filósofos, amantes de la Sabiduría, osadas criaturas, no encontraron interlocutor: quisieron interrogar esto y aquello, perturbando el equilibrio del espacio infinito, como si arrojasen una piedra a las aguas tranquilas, que protestan sacudiéndose en una serie de ondas en círculos concéntricos sucesivos, devolviendo la pregunta indiscreta al emisor, a la orilla, quedando de nuevo las aguas sosegadas. Entonces surgieron las teorías filosóficas en la búsqueda del origen o principio de la materia: el fuego, el agua, el aire o el átomo. Otros sabios, más prudentes, no creyeron en ninguna de ellas: ‘cuanto más sé, más ignoro; sólo sé que no sé nada’ –decían los agnósticos. Fueron los poetas helenos, como Homero, los primeros que supieron glosar los mitos para dar salida a las inquietudes del ser humano; respuestas que, a pesar de ser mágicas, cubrían por entonces las necesidades pueblo heleno. Siglo tras siglo, buscando una explicación total y definitiva del origen del Universo. En estos tiempos tan avanzados de la ciencia con las tecnologías del siglo XXI, con el Gran Colisionador de Hadróns (LHC)-antes el CERN de Ginebra- con las mejores cabezas de las universidades del mundo mundial, financiadas por países más ricos del planeta, buscan entre todos la partícula másica conocida como bosón de Higgs. Enlaces perdidos hasta hoy partículas oscuras que forman el agujero negro, que habrían de completar el modelo estándar de la física; a veces, llamada la partícula de Dios simulando -con el choque de partículas del acelerador de 27 kilómetros de diámetro- eventos ocurridos durante el 'Big Bang', teoría que intenta dar una explicación del origen y expansión del Universo. De manera que el Principio de todo tanto se puede escudriñar observando el cielo con el telescopio espacial Hubble como observando en la tierra el espacio entre los átomos con el microscopio Titán Cubed, dado que las huellas del Creador del Universo, de haberlo, están en lo más grande y también en lo más pequeño. Mientras seguimos en esta búsqueda, una pancarta sigue colgada de las puntas de las estrellas: Demiurgo, ¡déjate ver!

martes, 5 de xaneiro de 2010

Mouca de Sacardebois


















Hai uns días escribín un artigo sobre a etimoloxía de Sacardebois: aldea fermosísima da ribeira de Parada de Sil, o meu berceonde me criei, estendida pola faldra esquerda que escorrega as augas no Sil, esparexendo cara abaixo os casares, a xeito de casiñas de monecas, ata bicar-las augas quedas do encoro de Santo Estevo, por onde asuca o catamarán. Entón, recibín un e-mail dun veciño que me preguntaba por a orixe doutros nomes curiosos do meu lar, como Mouca, A Casa da Culpa, Serradores.

Ti preguntas e eu respondo o que sei ou o que me parece, máis a miña resposta téñoa que dosificar por entregas, se non quero recibir unha reprimenda dos que mandan en La Región.

Nesta primeira achegada quéroche aclara-lo nome de Mouca. Mouca, como ti ben sabes, significa xorda. Recorda o dito: a palabras loucas, orellas moucas. No lugar de Mouca lembro, de cando neno, que había tres veciños. Tempos atrás, poida ser de morar só un nunha choza que habería por alí, que sería o primeiro habitante do lugar. Nesta familia pobre vivía A Mouca, unha nena parva, coitadiña ela. Xa sabes que os galegos somos moi dados ós alcumes. A xente cambiou o nome do lugar polo alcume desta muller (unha metonimia) que estaba máis xorda que un pene do. Isto é bastante frecuente na orixe das toponimias. Recordarás a Virxinia do Val, que recoñecía a tódolos veciños polos nosos andares. Nunca escachou a ola, cando viña da fonte con ela na cabeza, paseniño, lendo o camiño cos pés. Tamén era coñecida simplemente como A Cega. Neste caso non se obrou o cambio do nome, porque o Val onde vivía estaba moi afianzado. Tal caso non se daba co lugar de Mouca, que esperaba ser bautizado.

A explicación destes cambios semánticos ven dada pola economía da lingua. No falar diario tendemos a empregar só as palabras imprescindibles para que nos entendan. Aí vai un exemplo de cómo se pode ir podando a fala (os rapaces son moi hábiles comprimindo os textos das mensaxes que envían cos móbiles): esta mañá había dous lobos no lugar onde mora a muller mouca: lobos preto da casa da Mouca: lobos en Mouca.

Agora alí vive o Luís de Mouca. Cando vou por alí nas miñas vacacións gústame ouvir como falan os meus veciños, escoitando moitas veces a expresión Mouca para referirse a Luís. Testemuños que veñen confirmar, unha vez máis, como se van conformando os topónimos.
Espero que a explicación for do teu agrado. Na próxima entrega, falaremos da Casa da Culpa.

sábado, 2 de xaneiro de 2010

As Tumbas San Vitor

Por riba da aldea de San Lorenzo no Concello de Parada de Sil atópanse unhas tumbas antropomorfas escavadas nas laxas duna pequena explanada. Todo o mundo fala delas, mais ninguén coñece a súa orixe

Lembro de cando neno que baixabamos de Forcas por aquel lugar ou cando subíamos dende Sacardebois de andaina coa merenda; ás veces, mediamos a súa contorna co noso corpo; mentres, estarricados facendo o morto, debuxabamos no maxín o percorrer doutros tempos de lonxe ou, voando cara ó futuro, como nos haberemos de sentir de cómodos dentro dun ataúde.

Neste lugar, rezuma ó redor un halo de misterio que invita ó repouso e a meditación. Pero que demo habería neste lugar solitario? Ninguén o sabe con certeza. A tradición oral rompeu o fío no percorrer dos séculos, aínda que un veciño xa velliño de San Lorenzo dicíame o outro antonte: 'os meus antepasados ouviran falar da Cruz de San Vitor'.

- 'Os mouros, nai que os pariu, cando por aquí viñeran arramplaron con todo, menos coa cruz que quedou durante moito tempo coma testemuño, marcando o lugar sagrado das tumbas'- sentenciou outro veciño coas costas curvadas polo peso dos anos.

-'Tedes boas ganas de quentarvos o caletre con esas andrómenas que ninguén cre, ho! As tumbas seguen aí, porque nese lugar estivo o primeiro cemiterio de San Lorenzo de Barxacova e morra o conto, non hai máis nada' -dixo un mozo con cara de listo, de vacacións no lar dos avós.

Certo. O único testemuño daquela época son esas tres tumbas abertas, semellantes ás do Mosteiro de San Pedro de Rocas, do século VI, cando por entón reinaban os suevos.

Pouca información podemos sacar destes tres enterramentos de adultos, desprovistas das lousas que as cubrían, onde podería haber algún lema, un nome, unha data. Mais, nada de nada. Menos dá unha pedra -me dixen- aínda que non vén ó caso, porque as pedras falan soas. Non se trata, pois, de ningún cemiterio parroquial: só tres tumbas, tódalas tres moi antigas, coido que da mesma época e tumbas de nenos, non hai.

Outro dato a ter en conta é paraxe solitaria do lugar: no alto da fraga ó carón do río Mao, fóra do camiño medieval que xunguía a ribeira coa montaña: Barxacova, Mosteiro de San Adrián, San Lorenzo e Forcas.

Con estes datos, vendo a proximidade do Cenobio de San Adrián -andando os anos, pasaría a depender do Mosteiro de Montederramo, coma Priorato, nomeado tamén como A Granxa de San Adrián- podemos deducir que San Vitor foi un asentamento eremita, quizais dun freire deste mosteiro.

A ermida, co percorrer dos tempos, desapareceu quizais fosen os mouros, no século IX, como di o veciño de San Lorenzo. Ó primeiro ermitán, sucederon outros dous. Logo o lugar quedou abandonado.Era costume enterrar ós eremitas dentro da súa ermida ou no atrio. Isto vén a explica-la proximidade das tres tumbas.

A pescuda vén corroborada pola tradición noutros lugares e mais por un documento medieval que se atopa no Arquivo Diocesano avalando un caso semellante: 'A Serra de San Mamede que se ergue ó sur do Mosteiro de Montederramo, recibiu o seu nome dun monxe deste mosteiro que fixo vida eremítica no cumio do monte ata a súa morte que aconteceu no ano 1160'. San Vitor foi un dos eremitas que alí viviron. Poida ser, pero non hai datos nin a tradición de ser un lugar de peregrinación.

Os ermitáns gustaban de sitios solitarios e das alturas para ergue-las súas capelas onde poder rezar, por estaren máis preto do ceo e máis lonxe das cuítas mundanas.

Unha cousa é segura entre o Cenobio de San Adrián e o lugar de San Vitor houbo unha relación de dependencia. Que foi primeiro a Ermida ou o Cenobio de San Adrián? Poida ser que primeiro for a Ermida de San Vitor, e que desta nacera o Cenobio: a orixe do Mosteiro de San Pedro de Rocas foi deste xeito, así o testifica a pedra fundacional do Mosteiro. Por que non se habería de dar a mesma sucesión dos feitos. Non si?

Naqueles tempos dos reinos suevos e visigodos, na escura Baixa Idade Media, coa bendición do bispo Prisciliano, xurdiron nestas paraxes da Ribeira Sacra unha puñada de eremitas, homes devotos chamados por la voz divina a vivir en soidade, illados do mundanal ruído; penitentes, dedicados á vida contemplativas de 'laúdes e maitines', sen lazos coa familia e lonxe dunha vida doada ó acubillo dunha comunidade monástica.

¿A orixe das tumbas antropomorfas de San Vitor seguirá envolta nun halo de misterio? Cliquea en San Vitor para saber máis.